Cambiar idioma

22 de enero de 2013

Marca España? República Bananera.....

A marca España. Lembran? Recuperar a marca España, devolverlle o prestixio perdido, foi durante meses (e segue a ser) unha matraca oficial difundida e defendida a ultranza (por algún grupo de comunicación ata caer no ridículo, todo hai que dicilo). As manifestacións empañaban a nosa imaxe ¡panda de vagos e facinerosos!; a maioría silenciosa é a que axuda á nosa malpocada España a ser ese paraíso que foi. A reportaxe de The New York Times con imaxes de xente rebuscando no lixo para comer... Intolerable! Iso non era España, formaba parte dunha campaña de conspiración contra nós, etc. etc. etc.
Que pasa agora coa marca España? Caso Bárcenas (aquí non pasa nada, oiga, no sabe no contesta), e agora por riba isto: "El Gobierno cambiará la ley para que condenados puedan dirigir entidades (bancarias)". Por primeira vez, se explica nesta nova, a condición de condenado por delitos dolosos non será suficiente para impedir que un executivo sexa banqueiro. Isto si que é axudar á marca España. A que marca? Á do top ten de países líderes en corrupción, a do premium en chanchullos e marullerías, a dos campións en indecencia.... 
P.D. Atopei esta montaxe en Internet. Título: "Máis sobre a República Bananera de España". Ven que nin pintada.



16 de enero de 2013

A "Estrella de la Muerte", para España


A estación espacial da saga "Star Wars" é todo un mito

Curiosa nova a publicada estes días: "La Casa Blanca rechaza la petición popular de construir "La Estrella de la Muerte" . Pois si, nada máis e nada menos que 35.000 estadounidenses pedían a Obama que a famosa estación espacial da mítica saga de George Lucas fora construida (pola NASA, supoño) e colocada no espacio, imaxino que cunha misión ben diferente que na "Guerra de las Galaxias". Hai que lembrar que era o instrumento de terror utilizado polo Imperio para destruir planetas e acabar con todo aquel que se opuxera a Darth Vader e cía, e supoño que non querrían iso.
O caso é que estiven a ler os comentarios dos internautas ao respecto desta información e a maoría deles orbitan arredor de dúas ideas clave.
A primeira é que se trata dunha "frikada". Moitos consideran que os fans de "Star Wars" quizais levaron demasiado lonxe a súa devoción pola saga. E a segunda idea é que, malia todo, é unha "frikada" contestada  (aínda que negativamente e con certa sorna) pola Administración de EEUU aos peticionarios. 
Aquí non fai falla iniciativas populares para que os gobernantes se poña mans á obra con "frikadas" varias, exemplos hai dabondo. Ou acaso o aeroporto sen avións non lle supera? Ocúrreseme que poderíamos pedir que la "La Estrella de la Muerte" se constrúa aquí e se coloque no aeroporto como atracción turística, para atraer máis afeccionados ás caminatas a esta terminal peonil. Ou pedirlle a Sheldon Adelson que, en vez das pirámides de Exipto a constrúa e a faga orbitar por riba da futura Las Vegas española; seguro que nos visitan todos estes frikis americanos.

9 de enero de 2013

Enchufes? E ti máis...


Houbo hai tempo unha campaña, non lembro se promovida por algún partido político ou colectivo cidadá a propósito dunhas oposicións, que baixo o lema "enchufes Baltar",  denunciaba as irregularidades que se viñan producindo na "política" de contratacións do ex-presidente da Deputación de Ourense no organismo provincial. Ata saían nas fotografías publicadas pola prensa con estes dispositivos e todo. O que denunciaban, basicamente, é que dita "política" tiña dous piares fundamentais: "ser familiar de" e o carné oportuno (e non o profesional, precisamente).
Tras anos e anos de denuncias públicas, escándalos varios destapados polos medios de comunicación (o do insólito número de porteiros-conserxes por metro cadrado de edificio provincial alcanzou unha repercusión brutal polo esperpéntico da situación); anos coa sensación de que neste país a impunidade campa as súas anchas para determinadas persoas, un xuíz admite a trámite unha querela presentada polo fiscal xefe de Ourense; hai indicios de que pode ter existido prevaricación ao realizar 104 contratacións temporais.
E a que se arma!!!!!!!! Que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma onde máis medrou o paro en decembro semella un problema secundario: o importante é enredar, desviar a atención e, sobre todo, POÑER A FUNCIONAR O VENTILADOR. O PP amaga con tirar da manta, que diría Roldan. Adxunto o enlace da nova que publica Galicia Confidencial: "O PP filtra enchufados do PSOE e ameaza con filtrar do BNG", unha nova espiral do "e ti máis" a propósito deste asunto.
Deixen que a xustiza faga o seu traballo (máis vale tarde que nunca). E recurran a ela se o consideran necesario; non basta con tirar da manta nos medios de comunicación. Se teñen indicios de prevaricación noutras contratacións, denúncieno, pois é súa responsabilidade.
E saiban que, máis agora ca nunca, nun contexto onde o emprego é un ben escasísimo, os enchufes poden crear cortocircuitos e incendiar á xa queimada cidadanía.

7 de enero de 2013

A faba da prosperidade

That's all folks! Isto é todo, amigos, que diría Porky. Acabouse o Nadal, benvida a volta á normalidade. Hoxe, último día de vacacións escolares, aproveitamos para desmontar o árbore e demais decoración navideña e gardalo todo para as vindeiras festas. Foi practicamente un mes, desde a ponte da Constitución, o que convivimos co portal, a árbore, as estrelas e as incontables postais e manualidades que as miñas cativas estiveron a facer.
Toca comezar 2013, e digo isto porque para min non empeza realmente ata que as nenas regresan ás aulas. Nin día de Ano Novo nin nada; na volta ao "cole" está o meu punto de inflexión. E este ano ¡tocoume a faba do roscón de Reis! E que conste que non foi o Día de Reis, senón hoxe, tomando un café coa miña irmá e dándolle o ultimatum a esta larpeirada.
Lin que a faba simboliza a rexeneración, a prosperidade, o rexurdir da vida, o ano novo.... así que, a pesares do meu escepticismo, non podo dicir máis ca : QUE SE CUMPRA!
 Que o 2013 sexa un bo ano para todos.

Hoxe tamén estaban a desmontar o portal na Pobra

21 de diciembre de 2012

Os parados non contratan grupos de presión


"Espíritu aventurero", disque



O pasado 9 de novembro, o economista e Premio Nobel Paul Krugman escribiu "Los millones olvidados", (en referencia aos parados) un artigo no que analiza a crise de emprego e o déficil fiscal nos EE UU e cuestiona por que non se axuda aos desempregados na medida en que se debera. O penúltimo paráfrago di:  "No, al final resulta difícil no llegar a la conclusión de que es un problema de clases. A la gente influyente de Washington no le preocupa perder su empleo; la gran mayoría ni siquiera conoce a alguien que esté en paro. La difícil situación de los parados simplemente no ocupa un lugar predominante en sus pensamientos y, por supuesto, los desempleados no contratan grupos de presión ni hacen grandes contribuciones a las campañas electorales".
Esta reflexión fíxome trasladar o problema a España. E aquí? Ata que punto a nosa crise de emprego preocupa aos nosos dirixentes e aos grupos de presión, máis aló das consabidas declaracións públicas baleiras de contido? O cumprimento dos topes de déficit é a prioridade absoluta por riba do desemprego?

Eiquí algúns datos e outras perlas soltadas por ilustres representantes para reflexionar:

- "¡Que se jodan!" . Andrea Fabra. Sobradamente coñecido.
- "Familias en situación de necesidad luego a lo mejor utilizaban el dinero para comprar una televisión de plasma o para otras cosas no tan apropiadas". Pilar Sol, diputada del PPCV, sobre unha renta de 400 euros a familias necesitadas.
- "Baltar aplica un ERE en la Diputación mientras contrata a 20 afines al PP" (EL PAÍS 13/12/2012). Sobradamente coñecida a política de emprego do organismo ourensano.
- O "espíritu aventurero" é o que anima aos mozos a emigrar. Marina del Corral, secretaria general de Inmigración y Emigración.
- "La hermana de Rita Barberá cobra casi 80.000 euros del Ayuntamiento por un cargo a "dedo" desde 1991. (El Plural.com, 05/12/2012).
-"La hermana de Esperanza Aguirre se convierte en asesora del Ayuntamiento de Madrid por 46.625 euros al año". (El Plural.com, 12/04/2012). Por certo, que según "Vozpópuli", el Ayuntamiento de Madrid gasta 12 millóns de euros ao ano en pagar a 254 asesores, pero se consideraba que a incorporación era imprescindible.....

E xa non sigo. Que cada un saque as súas conclusións. En España os parados tampouco contratan grupos de presión, e menos rascan das cada vez máis minguantes axudas (o que a ten) para facer campaña.








19 de diciembre de 2012

O seu voto... no lixo

Metáfora do destino do noso voto
Descoñezo se levan moito tempo aí, pero este domingo chamaron a miña atención. Varias papeleiras do centro de Ribeira lucían esta curiosa pegatina, coa lenda "O seu voto nesta urna". Unha metáfora que recolle ben o sentimento de boa parte da poboación, que ten a sensación de que o seu voto caeu directamente niso: no lixo. O autor ou autores desta pegada reflicten o que todas as enquisas constatan: que a xente non é xa que non se fíe dos políticos, senón que cre que son o principal problema deste país. Aumenta o lixo, si señor; PORQUERÍA con maiúsculas; cada día espertamos con novas corruptelas, mete-mans no cazo, evasores de impostos e lava-cartos.
Eu non son dos que opina que "todos son igual". E por suposto que hai políticos honestos e honrados. Pero con este clima de desesperación e de tanto timador solto, é perfectamente comprensible esta reacción. Tardarase anos en recompoñer a credibilidade perdida. E a responsabilidade, tanto do que ocorre como de corrixir este deterioro, é súa.

14 de diciembre de 2012

Pagas (e apagas) a luz

A miña avoa tiña unha semellante a esta
Donas e cabaleiros, vaian vostedes facendo aprovisionamento de cirios. E non, non é para ir en procesión nin para poñer velas á Virxe para ver se atopan traballo; esta aguda iniciativa xa hai quen a tivo por todos nós (con escaso éxito).
Compren velas, restauren vellas lámpadas de aceite e, os afortunados que teñan lareira, volten ao antiguo sistema para facer o caldo: leña e lume. Por se fosen poucas as subas do recibo da luz nos últimos tempos, o Goberno ten unha nova idea para recadar máis a partir de xaneiro: penalizar a quen máis consume con incrementos na tarifa (déixovos o enlace da Voz de Galicia coa nova). Baixo o ficticio barniz aplicado para enmascaralo como un xeito de concienciar á poboación para que consuma menos luz (se xa o facemos, por necesidade!!!), se camufla unha subida en toda regra, como ben denuncia a asociación de consumidores Facua nesta mesma información. 
Desde o meu punto de vista, esta medida é por riba discriminatoria, pois por moito que trate de aforrar enerxía (que, insisto, xa fago), nunha unidade familiar na que vivimos catro persoas, como é o meu caso, moito ten que derrochar un que vive só para gastar o que me facturan a min tódolos meses. 
O dito: a electricidade gaña posicións como artigo de luxo. Ai, quen tivese unha cociña de ferro coma a da miña avoa!